baiona.org

Noticias

« Atrás

O OutubroDiverso pecha a súa programación o sábado 31 de outubro coa conversa "Orgullo, non solo hai un" e o espectáculo "Las VARIETÉS de Petra Porter"

O sábado, 31 de outubro, ás 12:00horas o Hall do Concello de Baiona acollerá unha conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta sobre "Orgullo, non solo hai un", abrindo o imaxinario ás formas de facer o Orgullo LGBTIQA+. Culminarase o Outubro Diverso ás 22:00h co Espectáculo "Las VARIETÉS de Petra Porter", de Combinación Imperfecta. Un espectáculo que transformará ao público en protagonistas. Todas e todos serán actrices e actores do show, e para isto recompiláronse diferentes xogos, probas, enigmas e puzzles de diversa índole para converter a praza do concello de Baiona nun concurso cheo de música, teatro e moita diversión. 

A carpa instalada na praza do Concello de Baiona acollerá o espectáculo e como é habitual nas actividades que acolle a carpa poñeranse todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. 
 
A actividade do sábado pola mañá desenvolverase cun aforo limitado de 20 persoas, mantendo as distancias de seguridade e tomando todas as medidas de seguridade pertinentes. Tamén poderase ver en streaming a conversa a través dun directo do Instagram da casa colorida e da canle de youtube do Concello de Baiona. 
 
Desde a Concellería de Igualdade mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da programación. 
 
En concreto, o programa é o froito do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial das Mulleres e da Casa Colorida. 
 
O Outubro Diverso é un espazo de aprendizaxe, de coñecemento e de tecer rede. Este espazo nace baixo a necesidade de achegar as nosas vilas as realidades LGBTIQA+, e de visualizar e conversar sobre os eixos de traballo e activismos dos diferentes colectivos e persoas que fan parte desta programación. Todos e todas xuntas pretendemos construír un espazo que sexa o primeiro de moitos no Val Miñor, onde sigamos aterrando nas vilas as vivencias e procesos LGBTIQA+ para seguir aprendendo e compartindo, para acompañar as realidades diversas de moitas veciñas e veciños da vila 
e, sobre todo, para seguir xerando dende o comunitario un novo mundo onde entren todos os mundo. 
 
GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA
REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ, TÉCNICA DE COMUNICACIÓN gabinetedeprensa@baiona.gal
compartir en facebook compartir en twitter

Promedio (0 Votos)