| Noticias « Atrás O Concello de Baiona pon en marcha unha liña de axudas municipais para apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade cos gastos escolaresO Concello de Baiona puxo en marcha un programa de atención urxente e prioritaria dirixido a paliar as situacións de emerxencia social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade ante a Covid-19. A liña de axudas centrarase en cubrir as necesidades escolares das familias do municipio. O proxecto permitirá axudar ás familias que teñen dificultades para afrontar os gastos de adquisición do libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte, asegurando que en Baiona todos os nenos e nenas poidan desenvolver o curso de forma adecuada, sexa cal for a súa situación económica. “O obxectivo destas axudas é rebaixar a carga económica das familias derivada dos gastos escolares. Con todo iso, queremos continuar colaborando coas familias, canto máis en orde ao seu enfraquecemento económico tras a crise do coronavirus, e traballar sempre para reforzar unha educación pública de calidade. Desde o Concello, como administración máis próxima, debemos poñer o noso gran de area para que a situación que están a vivir sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, conclúe o Alcalde. Desde o departamento de Servizos Sociais municipal redactáronse as bases que se outorgarán seguindo criterios sociais. As persoas interesadas poderán consultalas na web municipal (www.baiona.org). O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a contar desde mañá 17 de outubro. As solicitudes deberán presentarse no rexistro do Concello de Baiona para o que é necesario solicitar cita previa na web municipal ou chamando ao 986356779. Do mesmo xeito, tamén se pode facer a tramitación electrónica da solicitude a través da sede electrónica da páxina web do Concello de Baiona. GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ, TÉCNICA DE COMUNICACIÓN gabinetedeprensa@baiona.gal
|